As chaves da internacionalización > Aspectos legais
Os aspectos legais que temos que ter en conta no comercio internacional, tanto ao realizar unha importación coma unha exportación de mercadorías son moitos e moi importantes. Vulneralos pode ter consecuencias nefastas para a nosa empresa, polo que cómpre prestar moita atención e acatar todos os requirimentos legais esixidos para levar a cabo este tipo de operacións.
No tocante á accesibilidade aos mercados exteriores, a clasificación do produto a importar ou exportar, é o primeiro paso do proceso de declaración e despacho en aduanas das mercadorías. Debido á complexidade deste proceso, normalmente as empresas recorremos a profesionais especializados para que nun tempo razoable logremos o levante das nosas mercadorías. Como responsables das mercadorías importadas ou exportadas, debemos coñecer as nosas obrigas e cumprilas para evitar ser sancionados polas administracións competentes.
No ámbito da contratación internacional, pode resultar moi complexo operar en determinados mercados, tendo que asumir como empresa demasiados riscos comerciais. Ante esta situación, faise necesario garantir ao máximo as nosas relación comerciais con provedores e clientes estranxeiros. As solucións legais que ofrece o ordenamento xurídico e os usos e costumes internacionais son diversas. Para acadar unha solución á medida é importante coñecer os distintos tipos de contratos, e as solucións legais encamiñadas a protexer os nosos dereitos, por exemplo no caso da defensa da nosa marca fronte as copias de terceiros.
No caso de que no desenvolvemento da nosa actividade no exterior, teñamos un conflito cun provedor ou cliente estranxeiro, non debemos desanimarnos, pois contamos cunha serie de recursos para reclamar o cumprimento das obrigas contraídas. Na actualidade contamos con distintos procedementos de reclamación, que se deben seguir no caso de que a outra parte incumpra co acordado. Estes procedementos van desde a comunicación por escrito na que convidamos a cumprir o acordado, até a reclamación formal ante os tribunais ou corte arbitral competente.