ByGalicia.
  • busqueda avanzada
  •   

As chaves da internacionalización

As chaves da internacionalización > Investimento e financiación > Financiamento de proxectos a longo prazo

  • Prema aquí para enviar unha ligazón con esta páxina a un amigo
  • Copie e pegue esta dirección no seu lector de RSS.

Financiamento de proxectos a longo prazo

Os recursos económicos que precisamos para abordar proxectos de internacionalización poden chegar a ser moi elevados. Contar con fontes de financiamento é moi importante para calquera actividade empresarial. Moito máis en proxectos de internacionalización.

Cando a empresa non conta cos fondos propios suficientes para abordar un proxecto pode recorrer a fontes de financiamento alleas. As vantaxes de contar con fontes de financiamento son:

  • Mellora da competitividade. Se facemos unha boa oferta técnica ou comercial e a acompañamos dunha oferta financeira competitiva teremos vantaxes competitivas.
  • Seguridade. Articular un esquema de financiamento co comprador vainos aportar mais seguridade de cobro.
  • Adaptabilidade ás necesidades do cliente e do contrato.

Financiamento con apoio público

Trátase do conxunto de instrumentos financeiros que contan con algún tipo de soporte ou axuda do Estado. O seu obxectivo é impulsar as exportacións ou investimentos no exterior. É dicir, son os instrumentos financeiros para fomentar a actividade empresarial internacional.

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento é o organismo que regula as regras do xogo que deben seguir os países membros no apoio oficial á exportación. Aplícase a operacións cuxo prazo de amortización é maior a dous anos e aos esquemas de axuda ligada.

No Estado Español, aplícase ao Convenio de Axuste Recíproco de Intereses (CARI), o Seguros de Crédito á Exportación (a través de CESCE) e os Fondos de Axuda ao desenvolvemento (FAD).

Nos seguintes puntos entraremos a detallar os Principais programas de financiamento público:

De apoio financeiro ás exportacións

  • De apoio financeiro ás exportacións.
    Trátase dun sistema de apoio ás exportacións españolas de bens e servizos. Incentívase a concesión de créditos á exportación e xuros fixos, segundo o Consenso da OCDE. O sistema CARI funciona do seguinte xeito:
    O exportador faille ao cliente unha oferta comercial e infórmao sobre os créditos aos que pode acollerse con estas vantaxes. As entidades financeiras son as que conceden os préstamos de exportación. Esta entidade pode asinar co ICO un contrato de Axuste Recíproco de Intereses.
    Baixo este convenio existen varias modalidades de créditos:
    • Crédito comprador estranxeiro
      A entidade financeira concédelle crédito ao comprador estranxeiro que ten, polo tanto, condición de prestatario. O exportador recibe o directamente o importe do crédito como pago pola venda realizada. O que asume o risco de impago é, polo tanto, a entidade financeira. Para cubrir este risco, existe a póliza de crédito comprador de CESCE
    • Crédito subministrador
      Nese caso é o subminsitador ou exportador o que asume a condición de prestatario. O comprador estranxeiro queda vinculado con el a través do contrato comercial. A póliza de crédito subministrador de CESCE asegura este tipo de operacións con vencemento superior a 3 anos.
    • Liña de crédito
      É unha variante do crédito comprador. A entidade financeira pon a disposición do prestatario, xeneralmente un banco do país do comprador, un importe global con cargo ao cal se poden financiar distintos contratos comerciais.
    Conceptos financiables:
    • Importe de bens e servizos exportados, de orixe español. Inclúese:
      • O frete e seguro de transporte
      • A prima de seguro de crédito á exportación
      • O importe de bens e servizos estranxeiros cun tope do 15% do total
      • As comisións comerciais
      • Gastos locais
      • Intereses de crédito pagados e capitalizados.
    Poderase financiar até o 85% do importe de bens e servizos exportados e comisións comerciais e até o 100% dos gastos locais. A característica do CARI é que unha vez asinado o crédito os xuros aplicables serán os CIRR (Xuros Comerciais de Referencia). caracterízanse por seren invariables até a amortización total do préstamo.
  • Fondos de axuda ao desenvolvemento (FAD)
    Trátase un instrumento de cooperación financeira do Estado cuxas dotacións se asignan anualmente a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado.
    Hai 4 tipos de axudas mediante os FAD:
    • Créditos ou doazóns.
      As axudas FAD están normalmente adheridas a este tipo de adquisición de bens ou servizos españois. Poderán ser beneficiarios dos programas con axuda FAD aqueles países cuxo PNB per capita estea dentro do límite establecido pola OCDE. Os créditos FAD concédense só a proxectos comercialmente non viables e poderase financiar até o 100% do proxecto, pero coas limitacións seguintes:
      • máximo de 15% sobre o total de bens e servizos estranxeiros.
      • máximo de 15% sobre o total de bens e servizos locais.
      O Instituto de Crédito Oficial é o axente financeiro do Estado que actúa en nome e presentación do goberno para administrar os créditos FAD.
    • Contribucións a organismos multilaterais de desenvolvemento.
      Son axudas concedidas como doazón a cargo dos FAD. Unha das modalidades desta axuda son as contribucións a Organismos Multilaterais de Desenvolvemento dos que o Estado Español é socio.
    • Liñas de financiamento de Estudos de viabilidade.
      O FEV é unha liña do FAD que financia os estudos de viabilidade previos á internacionalización, realizados por empresas españolas en países estranxeiros. Poden financiarse tres tipos de estudos de viabilidade: ligados a proxectos concretos, sectoriais ou de servizos de consultoría.
      ? hora de elixir os proxectos, o primeiro criterio que se ten en conta é o de que presente un interese claro para o conxunto das empresas españolas, non só para a que realiza o estudo.
      Dentro do FEV hai tres modalidades:
      • Pública: doazón do goberno español ao goberno do país receptor do estudo. A tramitación destes fondos faise a través dos países beneficiarios
      • Multilateral: recursos destinados aos fondos españois de consultoría nos Bancos de Desenvolvemento que financian estudos realizados por empresas españolas.
      • Privada: as empresas interesadas en facer un estudo solicitan o cofinanciamento do mesmo. Unha vez aprobado, CESCE outorgaralle unha póliza de Seguro de Estudos de Viabilidade que cubrirá o risco da empresa que realiza o estudo.
    • Liña 500
      Esta liña de financiamento creada a cargo dos FAD financia a contratación de servizos de consultoría destinados á identificación, definición, seguimento ou avaliación de proxectos que se vaian realizar a cargo dos FAD. O ICO é o organismo que concede as axudas.
  • Seguro de crédito á exportación.
    O outro grande piar de axuda pública a disposición das empresas para o fomento das exportacións é o papel asegurador do Estado a través da compañía CESCE, principalmente a través do Seguro de Crédito á Exportación.
    As empresas que operan en mercados de alto risco moitas veces teñen dificultades para obter financiamento de entidades privadas, principalmente en proxectos a medio e longo prazo. A través destas pólizas, o Estado asume os riscos políticos e comerciais e facilita e entrada a mercados difíciles. Deste xeito, a entidade bancaria, ao haber un organismo que se faga cargo dos posibles riscos da operación, terá máis propensión a conceder financiamento. Dependendo da modalidade, haberá pólizas que nos van cubrir directamente como exportadores e outras que cubrirán o risco da entidade que nos financia. Sexa dun xeito ou doutro, CESCE é a entidade que os concede.

Apoio financeiro aos investimentos no exterior

Nos últimos anos tense producido un espectacular incremento das investimentos no exterior. A existencia de mecanismos de apoio por parte do Estado ten contribuído á consecución deste resultado. Esta promoción vén dada por 4 soportes fundamentais:

  • Información e asesoramento
  • A través do servizo de asesoramento de investimentos
  • Identificación de proxectos e socios
  • Foros de investimento e cooperación empresarial; misións de investimento e encontros empresariais; identificación e difusión de oportunidades de investimento (PIDINVER); programa de prospección de oportunidades de investimento no exteiror (PROSPINVER).
  • Análise de preinvestimento e apoio no postinvestimento, co programa de apoio a proxectos de investimento (PAPI).

Os organismos públicos bilaterais que destinan fondos a este tipo de investimento son:

  • Instituto de Crédito Oficial
    • PROINVEX: financia grandes proxectos de investimento no exterior no que participan empresas españolas. O importe mínimo dos préstamos é de 6 millóns de euros. A tramitación faise a través da Dirección Xeral de Negocios do ICO. Infórmate na súa web.
    • LIÑA DE INTERNACIONALIZACIÓN DA EMPRESA
      O obxectivo é financiar os proxectos de investimento, ampliar os existentes ou mercar participacións de empresas no exterior. As pemes son quen se benefician destes fondos. O financiamento cubre até o 80% do investimento realizado. Infórmate na súa web.
  • COFIDES
    A Compañía Española de Financiamento ao Desenvolvemento é unha sociedade anónima de capital mixto que ofrece apoio financeiro a proxectos de interese para as empresas españolas que se leven a cabo en países emerxentes ou en desenvolvemento.
    O xeito no que COFIDES presta apoio ás empresas é a través de participacións minoritarias e transitorias de capital, cuasi-capital, ou a través de fondos alleos.
    As dúas principais liñas de axuda son:
    • FIEX: fondos para promover a internacionalización das empresas españolas no exterior mediante investimentos de fondos propios nas empresas, con investimentos de capital e cuasi-capital. Infórmate na súa web.
    • FONPYME: fondos para Operacións de investimento no exterior das pequenas e medianas empresas. Trátase de fondos destinados a pemes produtoras de bens e servizos. Infórmate na súa web.
    COFIDES tamén mobiliza os recursos de fontes multilaterais. Visita a súa web. No catálogo de axudas atoparás o listado de apoios con financiamento multilateral.
    Liñas sectoriais
    Determinados sectores que se consideran de interese estratéxico contan con liñas de investimento propias:
    Instumentos de axuda multilateral
    Son moitos os organismos que a nivel multilateral teñen programas de financiamento. A través da páxina web de COFIDES podes acceder ao catálogo de axudas multilaterais. Os principais organismos involucrados son:
    • Banco Mundial e Bancos Rexionais de Desenvolvemento. Accede a máis información en: http://www.bancomundial.org
    • Unión Europea. Visita a Oficina de Cooperación. Atoparás información sobre multitude de programas financiados pola UE, tanto por temas como por rexións.
    • FMI. O Estado Español está presente no FMI. Visita a súa web: http:www.ifm.org.

Financiamento privado

O sector privado segue a ser o principal provedor de financiamento nas actividades internacionais da empresa. O Estado non ten o cometido de substituír á iniciativa privada. Mais a súa función co sistema de financiamento público é reforzala naqueles ámbitos nos que é insuficiente ou ineficaz.

En moitas ocasións, o financiamento público non nos vai cubrir o 100% da operación. Polo tanto hai que contar tamén con financiamento privado.

Financiamento de exportacións e importacións

A procura de financiamento bancario de exportacións responde á necesidade que as empresas teñen de liquidez. Isto débese ao espazo de tempo que transcorre entre o deferimento do cobro das exportacións e o periodo de fabricación fabricación dos produtos. Pode ser necesario para dúas posibles fases: prefinanciamento (desde o inicio da fabricación até a entrega da mercadoría) ou postfinanciamento (desde a venda até o cobro da mercadoría).

A concesión deste tipo de préstamos está condicionada aos factores de mercado, tales como a solvencia do exportador e da operación en si, ou a existencia dunha póliza de seguros. O xuros que se aplicarán dependerán da negociación coa entidade financeira: fixos ou variables.

No mercado temos diferentes posibilidades de financiamento, segundo o risco que queiramos correr coas divisas:

  • Desconto ou préstamo en euros
  • Desconto ou préstamo en divisas
  • Desconto en euros a cambio provisional
  • Desconto en euros con cobertura do risco de cambio

Na sección Estratexias de Financiamento podes atopar unha táboa cos riscos cos que te vas atopar nas diferentes modalidades de financiamento con respecto ás divisas. Bótalle un ollo.

Principais instrumentos de financiamento

  • Factoring
    O factoring é unha venda directa das contas a cobrar a unha entidade denominada factor ou outra entidade financeira. É dicir, as débedas dos clientes son adquiridas por un terceiro (factor), que asume o risco e a tarefa de cobro. Este intermediario, normalmente unha entidade bancaria ou empresa pertencente a ela, cobra unha comisión por asumir os riscos e os xuros. Co factoring, o exportador asegura o cobro das súas exportacións e reduce os seus riscos.
  • Forfating
    Trátase da compravenda de créditos comerciais: letras de cambio, obrigas de pagamento e ou outros instrumentos negociables, con vencementos futuros a medio prazo.
    No forfating, a entidade financeira anticipa os fondos ao exportador e asegúralle o reembolso do importe da operación. Ademais, a entidade financeira adquire o compromiso de non recorrer contra o exportador no caso de impago.
    Ten moitas vantaxes para o exportador: equivale case como cobrar ao contado. Os riscos políticos, comerciais, e extraordinarios quedan eliminados para o exportador. A entidade bancaria tamén carece de riscos, dado que se acolle á Póliza Aberta de Forfating de CESCE.
  • Leasing
    Trátase dun instrumento de financiamento a medio ou longo prazo a través do cal o banco adquire un ben e llo arrenda ao importador. Ao final do contrato, o importador ten a posibilidade devolver o ben ou ou de mercalo por un valor residual previamente pactado.
    Úsase moitas veces para mercar maquinaria e vehículos industrias, instalacións e plantas chave en man. O funcionamento é que o banco adquire o ben ao seu nome e como importadores pagarémoslle cotas mensuais.
  • Póliza de crédito divisas
    Cando a empresa ten diversos pagos e cobros en divisas pode serlle útil subscribir unha póliza deste tipo que lle permitirá dispoñer de crédito nas divisas establecidas e efectuar ingresos.
    A principal vantaxe é que se reduce o risco de cambio, hai unha xestión sinxela dos fluxos de divisas, redúcese a necesidade de cambios de moeda e poden financiarse varias operacións á vez.

Entidades de capital risco

Outra posibilidade de financiamento é a través de entidades de capital risco. Son sociedades anónimas que se dedican a participar temporalmente no capital de empresas non financeiras e que non coticen no mercado das bolsas de valores.

As empresas de capital risco poden actuar facilitando empréstitos ou mediante outras formas de financiamento a longo prazo. Tamén proporcionan asesoramento. A lei 25/2005, de 24 de novembro é a que regula ás Entidades de capital risco (ECR), Sociedade de Capital Risco (SCR), Fondos de Capital Risco (FCR) e ás súas sociedades xestoras.

A través da páxina web da Asociación Española de Entidades de Capital Risco poderás consultar as entidades existentes e obter máis información: http://www.ascri.org.

Instrumentos de fomento financeiro á exportación

  • Seguro de crédito á exportacións
  • Convenio de axuste recíproco de intereses
  • Fondos de axuda ao desenvolvemento (FAD)
  • Fondo de estudos de viabilidade (FEV)

Instrumentos de Fomento Financeiro das Exportacións Exteriores

  • Seguro de riscos políticos ou de investimentos exteriores
  • Programas de crédito directo
  • Inversións de capital en empresas constituídas no exterior
  • Programas de conversión de débeda externa por investimentos

Onde te podes informar

Institucións financeiras multilaterais

Consulta a web do COFIDES