ByGalicia.
  • busqueda avanzada
  •   

As chaves da internacionalización

As webs corporativas

Unha web corporativa será o documento electrónico onde se reflicta toda a información sobre a nosa empresa en Internet, produtos e actividades.

Que funcións debe cumprir unha web corporativa?

  • Informativa: Os contidos da web deben informar sobre a empresa, produtos e/ou servizos así como calquera outra información que queiramos transmitir aos usuarios.
  • Promoción de vendas: As páxinas Web son un instrumento fundamental na promoción das empresas. Lograrémolo personalizando o contido segundo os usuarios que nos diriximos (clientes actuais ou potenciais). Ademais podemos converter a nosa web nunha canle de compras e vendas desde a que interactuar directamente cos nosos provedores, vender aos distribuidores ou ao cliente final. Permitiranos xestionar de forma automatizada os pedidos, cobros e pagamentos. Todo isto cun custo mínimo e nun sistema operativo 24 horas desde calquera lugar.

Que debemos ter en conta ao deseñar a web?

Dado o papel que xogan as Webs na promoción internacional, no seu deseño debemos ter en conta criterios propios das TIC, mais tamén de internacionalización. É, xa que logo, unha labor conxunta dos departamentos de internacionalización e TIC.

O que non se che debe esquecer ...

  • O dominio
    É a dirección virtual da empresa en Internet. Debe comunicar o nome da empresa, a marca comercial, a súa actividade ou calquera dato que sexa representativo para a identificación da empresa en Internet.
    Tamén temos a posibilidade de sermos localizados adquirindo varios dominios. A adquisición é un procedemento sinxelo que se realiza a través de empresas especializadas que prestan os seus servizos en Internet.
  • Contidos e mensaxe
    ? hora de deseñar o contido da web para a empresa internacionalizada debemos ter en conta polo menos os seguintes aspectos:
    • Idioma: byGalicia recoméndache que ademais de estar redactada nas linguas propias da nosa área xeográfica contes cunha versión en inglés, a lingua franca do comercio internacional. No caso de produtos ou servizos enfocados cara a mercados cun idioma propio distinto do inglés haberá que valorar a posibilidade de incluír tamén unha versión na lingua local.
    • Características do produto: O produto ou servizo debemos mostrarllo aos usuarios de forma clara e atractiva, empregando imaxes e toda a información relevante.
    • Deseño: Recomendámosche que nun primeiro nivel amoses as características básicas sobre o produto ou servizo que ofreces. Que quede claro quen es e o que fas. A información complementaria como a historia e obxectivos da empresa, ofrecerase en niveis inferiores . Ademais débese coidar o uso de símbolos xa que estes non presentan os mesmos significados en todas as culturas.
    • Contacto: Debe indicarse a localización xeográfica da empresa e como contactar de forma rápida e sinxela. O email é especialmente importante xa que o usuario que se atopa navegando pola web poderá contactar coa empresa cun simple click.
  • Ranking nos buscadores e palabras chave.
    Como podemos facer que a web cumpra os seus obxectivos?
    A maior parte das visitas dunha web proceden dos buscadores. Cando os usuarios introducen os seus criterios de procura os resultados aparecen seguindo unha orde. Se as palabras chave proporcionan varios resultados as posibilidades de que unha web sexa consultada aumentan a medida que se achega ás primeiras posicións da lista. Por iso, é moi importante que a nosa web estea entre as primeiras posicións que dá o buscador.
    Para realizar o servizo de posicionamento en buscadores temos que seleccionar as palabras ou frases que utilizarían os posibles clientes para buscar os nosos produtos ou servizos. Mais tamén temos a posibilidade de contratar servizos de optimización de webs que nos permitirán aparecer nas primeiras posicións dos buscadores. Para saber que tráfico ten unha páxina web podes recorrer a rankings como os que se mostran en www.alexa.com.
  • Sinxeleza tecnolóxica.
    Normalmente o que buscamos en internet é atopar a información da forma máis rápida e sinxela posible. Por iso, debemos ter en conta que non todos os países dispoñen dos mesmos avances tecnolóxicos. Os computadores e as conexións doutras partes do mundo non teñen por que ser modernos. No deseño da web debemos ter isto en conta e evitar recursos que supoñan grandes volumes de datos, tales como animacións ou aplicacións complexas. Mais todo dependerá da nosa estratexia global de comunicación. A web corporativa é unha ferramenta máis de márketing.